ANIMALES EN ADOPCION EN GALICIA









sábado, 29 de enero de 2011

CONTRA O ABANDONO DE ANIMAIS por Monte Pituco



É un home moreno e con barba, de complexión normal, fanado. Atopámolo preto do sendeiro de acceso á “área recreativa” do Monte Pornedo, a carón dunha furgoneta granate. Ao redor del había un boxer macho, novo e con bo aspecto, que axiña nos veu uliscar. Por se acaso, preguntámoslle a ese home se non viría cazar -posto que a tempada rematou a principios de xaneiro- e contestou unicamente cun “non”. Continuamos o noso camiño, pero ese home seguíanos coa ollada; sacou da furgoneta outro can atado cunha correa e, co boxer seguíndoos, foi en sentido contrario ao noso.

Nese percorrido polo monte tivemos ocasión de comprobar o mal estado no que se atopan as pistas e camiños a causa da recente riada e do mal estado de conservación no que estaban os regos. Pasou un coche e tivemos a oportunidade de fotografar as manobras que tivo que facer o condutor para esquivar as fochancas e evitar meter as rodas de onde non as puidera sacar. Grazas a ese impulso foi posible captar casualmente a furgoneta granate dese home (aínda que houbo que ampliar moito a imaxe). Porque, cando voltamos ao punto de inicio do percorrido, o vehículo xa non estaba e o boxer seguía vagando por alí, xusto onde fora abandoado, practicamente diante do noso fuciño.

Impotencia, rabia e frustración foi o que sentimos ante a actitude cruel, cobarde, reprobable e sancionable desa -entre aspas- “persoa”. Sendo moi inxenuos, podiamos concederlle o beneficio da dúbida e pensar que o can se perdeu e que o seu hipotético dono non puido agardar por el no momento de marchar. Pero é pouco probable e, de feito, aumentan a un ritmo alarmante os abandonos de animais: cans, gatos, mascotas exóticas e mesmo burros, tan entrañables no noso rural. Mostra da irresponsabilidade, da insensibilidade e do incivismo que, por desgraza, nos asulaga nos últimos tempos.

Demos en chamarlle cariñosamente ‘Babas’ a este cadelo, porque nos deixou a roupa perdida co seu agarimo canino. Animal afectuoso, xoguetón, dinámico e dócil. Fumos quen de conducilo ata a zona das vivendas pero, chegado un punto, amedrentouse e perdémolo. Voltamos máis tarde por el pero xa non o demos atopamos. E preguntámonos que sorte correría: probablemente lograra chegar a algún dos núcleos habitados e algún nobre veciño ou veciña o adoptara, vendo que tiña un aspecto saudable e que estaba afeito a convivir con persoas. Pero pola nosa tranquilidade, se alguén o ve e quere dar noticia del, agradecidos quedamos. contacto : montepituco@gmail.com

Grazas á asociación protectora de animais Os Palleiros por orientarnos neste caso e por condear connosco este novo caso de abandono animal que nos encolleu o corazón.

fuente : http://montepituco.wordpress.com/2011/01/28/contra-o-abandono-de-animais/#comment-412

No hay comentarios:

Publicar un comentario